
Entre o 18 e o 21 de marzo de 2026, o Café de Catro a Catro de Vigo acollerá as Xornadas Ágora-R 2026, organizadas por Ecoar))) baixo o lema “Planeta en disputa: alertas globais e respostas populares”. Durante catro días afondaremos colectivamente nas alertas globais, a reconfiguración do sistema-mundo e as respostas populares fronte á crise ecolóxica, o auxe reaccionario e o rearme.
O mércores 18, ás 18:00, Asier Arias Domínguez abrirá o programa con “O sistema é o problema! Militarización, colonialismo e límites biofísicos”, unha análise da contradición entre crecemento infinito e planeta finito. Ás 20:00, Augusto Zamora Rodríguez abordará “Yankees, Go Home! Política mundial en tempos de Trump. De Venezuela a Irán”, centrada na reconfiguración xeopolítica global.
O xoves 19, Pablo Elorduy (18:00) presentará “Nin un paso atrás! Silicon Valley abraza o fascismo”, sobre o papel das corporacións tecnolóxicas no socavamento democrático. Ás 20:00, Anna Gabriel ofrecerá “Fóra odios das nosas rúas! Municipalismo contra a extrema dereita”, poñendo o foco nas respostas locais e na militancia antifascista.
O venres 20, Tica Font (18:00) analizará “As vosas guerras, as nosas mortes!! Europa e o seu plan de rearme”, desmontando mitos sobre o gasto militar europeo. Irene Zugasti (20:00) intervirá con “Non nos calarán!! Como nos contan as guerras? Xeopolítica e comunicación”. O sábado 21, Aníbal Garzón (18:00) tratará a transición cara a unha orde multipolar, e Francesca Cicardi (20:00) pechará co relatorio “Palestina Libre!! A solidariedade internacional que non puido deter un xenocidio”.
Nun contexto de emerxencia climática, militarización e avance da extrema dereita, convidámosvos a participar activamente neste espazo de análise e diálogo. Ninguén o fará por nós!
