O último día das Xornadas Ágora-R 2026 pechou con dúas charlas centradas na transición cara a unha orde mundial multipolar e no fracaso da solidariedade internacional ante o xenocidio en Gaza.
Ás 18:00 horas, Aníbal Garzón presentou “Contra a agresión imperialista! A transición cara a unha orde mundial alternativa”. Analizamos con el o paso dun mundo unipolar a outro multipolar, co Sur Global e os BRICS como actores centrais. A parálise do Consello de Seguridade da ONU, bloqueado por vetos que impediron resolucións de alto o fogo en Gaza, exemplifica a crise do multilateralismo tradicional.
Ás 20:00 horas, Francesca Cicardi interveu con “Palestina Libre! A solidariedade internacional que non puido deter un xenocidio”. A partir do informe da relatora especial da ONU Francesca Albanese, expuxo a complicidade internacional en ámbitos diplomáticos, militares e económicos, mentres as vítimas en Gaza se contan por decenas de milleiros.
Ao longo das xornadas compartimos unha diagnose común: o sistema internacional construído despois da II Guerra Mundial atravesa unha fonda crise. A emerxencia dunha orde multipolar e a impunidade ante crimes sistemáticos revelan unha transformación global en curso, coa Palestina como símbolo das súas contradicións.
