Planeta en disputa. Un éxito colectivo que consolida as Xornadas Ágora-R

Entre o 18 e o 21 de marzo de 2026, no Café de Catro a Catro en Vigo, organizamos as Xornadas Ágora-R 2026 desde Ecoar))), baixo o título “Planeta en disputa: alertas globais e respostas populares”. Durante catro días reunimos oito voces imprescindibles para abordar as grandes cuestións da xeopolítica e os movementos sociais, e enchemos o local para escoitar, debater e reflexionar xuntas e xuntos.

O mércores 18, iniciamos as sesións con Asier Arias Domínguez e a súa palestra “O sistema é o problema! Militarización, colonialismo e límites biofísicos”, seguida de Augusto Zamora Rodríguez con “Yankees, Go Home! Política mundial en tempos de Trump. De Venezuela a Irán”. O xoves 19, contamos con Pablo Elorduy en “Nin un paso atrás! Silicon Valley abraza o fascismo” e Irene Zugasti analizou a propaganda en “Non nos calarán!! Como nos contan as guerras? Xeopolítica e comunicación”.

O venres 20, acompañáronnos Tica Font, desmontando mitos sobre o gasto militar en “As vosas guerras, as nosas mortes!! Europa e o seu plan de rearme”, e Anna Gabriel pechou a xornada con “Fóra odios das nosas rúas! Municipalismo contra a extrema dereita”. O sábado 21, Aníbal Garzón reflexionou sobre a emerxencia dun mundo multipolar en “Contra a agresión imperialista!! A transición cara a unha orde mundial alternativa”, e Francesca Cicardi pechou co relatorio “Palestina Libre!! A solidariedade internacional que non puido deter un xenocidio”.

Agradecemos a todas as persoas que fixestes posible este encontro! Grazas por participar, compartir, debater, pensar e construír! Grazas a todxs esas persoas que estades convencidas de que podemos construír redes de resistencia en cada recuncho! Esperamos contar coa vosa forza de novo e dende agora! Ninguén o fará por nós!