A terceira xornada das Xornadas Ágora-R 2026 converteu a cidade nun espazo de reflexión sobre o rearme europeo e a narrativa mediática dos conflitos. O encontro abordou as claves que explican os actuais movementos xeopolíticos nun contexto internacional marcado pola guerra e a inestabilidade.
Ás 18:00 horas, Tica Font abriu o programa coa palestra “As vosas guerras, as nosas mortes! Europa e o seu plan de rearme”. A investigadora do Centre Delàs d’Estudis per la Pau cuestionou as principais falacias arredor da chamada “ameaza rusa”, sinalando que o gasto militar europeo triplica o de Rusia. A súa análise vinculou o aumento do investimento en defensa cos intereses industriais e estratéxicos da UE.
Ás 20:00, Anna Gabriel i Sabaté presentou “Fóra odios das nosas rúas! Municipalismo contra a extrema dereita”. A partir da súa experiencia militante e institucional, defendeu que os concellos poden actuar como barreira democrática fronte á ultradereita, impulsando redes veciñais e estruturas populares que convertan o espazo público en territorio libre de odio.
A xornada continuará mañá sábado 21 de marzo con Aníbal Garzón, que afondará na transición cara a unha orde mundial multipolar, co protagonismo do Sur Global e dos BRICS; e con Francesca Cicardi, quen abordará a situación en Palestina e a solidariedade internacional fronte ao xenocidio en Gaza.
Mañá sábado teremos a posibilidade de seguir analizando e debatendo sobre a construción dun foro crítico que analice as contradicións do sistema internacional actual na última xornada de Xornadas Ágora-R 2026.
Ninguén o fará por nós!
