O segundo día das Xornadas Ágora-R 2026, organizadas por ECOAR))) en Vigo, reuniu ducias de persoas para afondar nas ameazas actuais á democracia. Ás 18:00, Pablo Elorduy abriu a sesión coa palestra “Nin un paso atrás! Silicon Valley abraza o fascismo”, onde analizou a alianza entre grandes corporacións tecnolóxicas e movementos reaccionarios. Sinalou como os algoritmos e a economía da atención contribúen á desinformación e á erosión do Estado de dereito, unha tendencia advertida por informes internacionais.
Ás 20:00 horas, Irene Zugasti interveu con “Non nos calarán! Como nos contan as guerras? Xeopolítica e comunicación”. A xornalista analizou os mecanismos da propaganda belicista e o dobre raseiro na cobertura mediática segundo quen sexan as vítimas, advertindo da perda de credibilidade dos discursos oficiais occidentais.
A programación continúa este venres 20 de marzo. Ás 18:00, Tica Font, do Centre Delàs d’Estudis per la Pau, ofrecerá “As vosas guerras, xs nosxs mortxs! Europa e o seu plan de rearme”, unha análise crítica do incremento do gasto militar e das súas consecuencias sociais.
Pechará a xornada, ás 20:00 horas, Anna Gabriel coa palestra “Fóra odios das nosas rúas! Municipalismo contra a extrema dereita”. Reflexionaremos sobre o papel do municipalismo e da mobilización veciñal para frear os discursos de odio e fortalecer a democracia desde o ámbito local.
Mañá seguiremos analizando a realidade que nos rodea a través do debate e a análise común, tecendo redes colectivas.
Ninguén o fará por nós!
