-
O decaemento da monarquía micénica no s. VIII ANE, provocará que as decisións deixen de tomalas os reis nos pazos fortaleza para que sexa a cidadanía quen as tome na ágora, que pasará a ser o epicentro da construción da vida mesma. Ágora será tamén a denominación do espazo de debate e deliberación das Internacionais obreiras, das prazas públicas renomeadas de Maio do 68 ou dos espazos “recuperados” do movemento antiglobalización e dos movementos sociais de principios do s. XXI. As ágoras cumpren, especialmente dende o 68, a función de espazos de resistencia e disidencia. Un motor de cambio público, aberto e horizontal onde as persoas se atopan, debaten, infórmanse e constrúen solucións aos problemas da súa sociedade.
Os problemas de cada sociedade ao longo da historia traducíronse en inxustizas que acabaron por provocar unha resposta social. As violacións de dereitos e liberdades por parte da estrutura de poder fixeron abrollar diferentes estruturas de contrapoder que as confrontaban con diversas tácticas e perspectivas, e que habitualmente acababan por crear unha identidade definida ao redor de termos como “Revolucionario/a”, “Republicano/a”, “Rebelde”, “Roxo/a”, “Resistencia”, “Rebelión”, “Rede”... Un R que leva acompañando as diferentes organizacións, movementos e loitas ao longo dos cinco continentes, independentemente de cales sexan as súas estratexias, tácticas ou ideoloxía. Un R que sempre se adheriu a aquelas persoas e organizacións que tiveron claro que a inxustiza é un elemento a borrar da historia.
ágora R é un proxecto de ECOAR))) que nace coa intención de pensar a realidade a través dunha ollada crítica, horizontal e proactiva poñendo no centro da análise as relacións de poder e contrapoder. ágora R pretende abrir un espazo onde a cidadanía poida adquirir ferramentas e recursos que lle permitan reflexionar sobre o seu papel como axente de cambio e vertébrase a través de tres eixos centrais:
- Analizar e comprender os procesos, teorías e situacións que conforman a estrutura e funcionamento do mundo actual, así como os seus compoñentes e protagonistas.
- Indagar e coñecer as ferramentas, repertorios e estratexias, así como as formas de organización e loita, que emprega o contrapoder ao longo do planeta.
- Estudar e entender os medios, persoas e estratexias, así como as formas de funcionamento e organización, que empregan a estrutura de poder, especialmente o corporativo e o gobernamental.
Como podo participar?
Podes participar acudindo aos actos que realizamos e apoiar que sexan posibles facéndote lueirx en pepaloba.org .
As proximas xornadas “Sociedade en venda: violencias corporativas e resistencias colectivas” terán lugar na Cafetería de Catro a Catro en Vigo os días 20, 21, 22 e 23 de marzo (e de non poder acudir poderás velo no streaming que emitiremos nas nosas RRSS @ecoarglobal).